Sunday 28 de April de 2024

Visita do delegado da Xunta e do director xeral de AGADER ao local social de Poulo


Acompañado polo alcalde de Ordes Ovidio Rodeiro Tato e Miguel Pérez Dubois supervisaron as obras levadas a cabo tanto no inmoble como nas súas inmediacións, posibles grazas á achega de 60.500 € por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Tamén estiveron presentes o seu secretario e o xefe territorial de Medio Rural

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, así como o director e o secretario xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), Miguel Ángel Pérez Dubois e Severino Álvarez Monteserín respectivamente supervisaron as obras de humanización e as reparacións levadas a cabo recentemente no local social de Poulo. Unha visita na que estiveron acompañados polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; ademais de polo xefe territorial de Medio Rural, Manuel Rodríguez Vázquez.

Cun orzamento de 60.500 € sufragados integramente polo AGADER construíuse un amplo peche perimetral que engloba toda a parcela, mediante un valado de formigón e panel de malla electrosoldada. Outros traballos foron a colocación de portais e porta exterior peonil de carpintería metálica que dá acceso á parcela, a dunha varanda de apoio e protección na rampla exterior, así como a execución da acometida de abastecemento de auga á rede municipal (xa instalada na zona).
Polo que respecta ao inmoble destacan varios traballos como a instalación de radiadores eléctricos programables e de luminarias tipo led, o que supón unha gran mellora nas condicións luminosas e o conseguinte aforro no consumo, ao que contribúen tamén os detectores de presenza instalados tanto nos baños e corredores, como no recibidor. Tamén se incorporou unha porta interior cortaventos á entrada, mobiliario de cociña e pechaduras de seguridade. Hai que engadir tamén traballos de mellora e acondicionamento no rocho, de pintado tanto no interior como no exterior da construción acorde coa súa localización no Camiño Inglés.
Camiño Real
Cómpre sinalar a importancia desta intervención tendo en conta que se trata dun local imprescindible para a actividade cultural desta zona. Ademais das actividades e do uso veciñal propiamente ditos, como as clases de ximnasia, actualmente é sede da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, con arredor de 200 socios e socias, moitos dos cales participan en actividades como baile rexional ou nas clases de instrumentos musicais tradicionais.
Para rematar a intervención o Concello ten previstas para o ano 2018 as tarefas de acondicionamento das inmediacións, aplicando capas de grixo e terra para nivelar o terreo no que, entre outras actividades, se celebran as festas locais. Unha intervención integral coa que se pretende mellorar o servizo e uso desta área, eliminando a problemática de acumulación de augas e asolagamentos.